Saturday 18 de May de 2024

A exposición ‘Converxencias, arte e ciencia’ levará ao Ágora talleres e exposicións a partir do 22 de xaneiro


A mostra, promovida pola Concellaría de Educación, busca ilustrar e afondar no diálogo entre ciencia, arte e tecnoloxía

A exposición “Converxencias, arte e ciencia”, organizada pola Concellaría de Educación e a Institución Galega de Ciencia (IGACIENCIA) celebrarase no Centro Sociocultural Ágora do 22 ao 26 de xaneiro. Esta mostra enmárcase dentro das actividades de difusión da ciencia e da cultura científica na sociedade, para amosar as sinerxías e vínculos entre a arte e a ciencia, propiciar a comprensión do método científico, a resolución de problemas, o espírito crítico e o interese social pola ciencia e a innovación como base do progreso.

A exposición está dirixida ao alumnado de ESO, BACH e FP da Coruña e de toda Galicia.
Ademais, en horario de 15.00 a 21.00 horas. A parte expositiva quedará aberta ao público en xeral. As visitas desenvolveranse en horario de mañá, de 9.15 a 14.30 horas.

O obxectivo fundamental dos talleres e a exposición é ilustrar e afondar no diálogo entre a ciencia, a arte e a tecnoloxía, primando en todo momento a compoñente didáctica e divulgativa para achegarse ao público xeral e, especialmente, á mocidade. Trátase dunha proposta que propicia o tratamento STEAM nas aulas (ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas). Unha maneira de traballar a ciencia e a arte en proxectos conxuntos, que impliquen ámbolos dous polos.

Con esta exposición o Goberno de Inés Rey busca que a mocidade explore esa interacción dinámica das conexións entre a arte e a ciencia, para establecer visións integradas e integradoras, para iso selecciónanse obras e autores representativos de distintos movementos artísticos ao longo do tempo. Nesta ocasión a viaxe iníciase na arte celta e céntrase especialmente en movementos artísticos dos últimos séculos para rematar con obras de arte dixital 3D, de Manuel Díaz Regueiro, recentemente expostas en congresos internacionais